A parlamentaria do BNG por Lugo, Olalla Rodil, deu conta do resultado da Comisión do Parlamento na que o BNG solicitou información sobre a recente clausura do Laboratorio de Saúde Pública de Galiza situado en Lugo. “O Director Xeral deu conta das intencións da Xunta mais non aportou datos concretos sobre o que pasou nin facilitou prazos para reanudar a actividade”, explicou Olalla Rodil e incidiu en que “o BNG pídelle á Xunta que informe ás traballadoras e traballadores do Laboratorio de Saúde Pública de Galiza das novidades que se vaian producindo arredor das análises desenvolvidas polas dúas empresas externas no edificio así como das medidas que adopte a Consellaría de Sanidade para garantir as condicións de traballo óptimas neste espazo”.
Olalla Rodil trasladoulle ao Director Xeral de Saúde Pública a “preocupación” e “incertidume” do cadro de persoal do Laboratorio polo futuro da actividade do mesmo e lamentou que a Xunta de Galicia demorase as súas actuacións e mesmo o cesamento da actividade até decembro de 2018. Aínda que, dende a Xunta, se asegura que “confían en reanudar a actividade do Laboratorio no edificio da Rúa Montevideo” aínda non se concretaron prazos. O que si dixo é que desde a Xunta acometerán distintas obras no saneamento dos andares cero, un e dous; así como a renovación das campás extractoras e a mellora do sistema de ventilación do edificio, entre outras actuacións.
Desde o BNG, agardan que se resolva canto antes o problema e que se reanude a actividade deste centro de referencia para Galicia e din que seguirán vixiantes ao decorrer dos acontecementos para que se garanta a seguridade laboral do cadro de persoal do Laboratorio mais tamén das traballadoras e traballadores da Xunta que se atopan noutras áreas do edificio.