A edil do BNG no concello de Lugo, Maite Ferreiro, anunciou o comenzo dunha serie de accións para demandar que o novo Colexio do Sagrado Corazón conte cunha cociña propia. Maite Ferreiro sinalou que “o proxecto non contempla cociña, por que ao PP non lle importa a calidade da comida que reciben os escolares nin as consecuencias” e engadiu “parece que o único interese é un aforro ficticio e poñer en mans de empresas que, unicamente buscan beneficio económico, a alimentación das nenas e nenos dos centros escolares”.
Maite Ferreiro lembrou que, no pleno de xullo de 2017, “a corporación municipal aprobou, sen votos en contra, unha iniciativa para que o novo Colexio conte con cociña e sexa de xestión directa”. O BNG propuxo que o novo colexio do Sagrado Corazón teña cociña propia, co fin de evitar as problemáticas que se deron nos últimos tempos a respecto dos comedores escolares, e garantir que este novo colexio conte cun servizo de comedor de xestión directa por parte da propia Consellería “non é normal que se faga un novo Colexio Público e se faga sen esta infraestrutura” afirmou a edil Maite Ferreiro.
O BNG solicita o cumprimento do acordo plenario do Concello de Lugo para incluir no proxecto de construción do novo colexio situado no barrio do Sagrado Corazón, desta cidade, as infraestruturas necesarias coas dotacións e persoal necesarias para que se poida prestar o servizo de cociña e comedor neste centro educativo, cunha xestión directa dende a propia Consellería. Dende o BNG tamén se lembrou que a día de hoxe nos comedores xestionados pola Xunta págase o comedor en función da renda e nos de xestión municipal páganse 5 euros indiferentemente da situación económica familiar. O BNG entende o servizo de comedores xestionado pola Xunta como un servizo máis que deberían ter todos os centros, co fin de mellorar a conciliación familiar e evitar agravios entre os diferentes colexios.
A concelleira nacionalista lembrou que “o Decreto 132/2013, do 1 de agosto regula o funcionamento dos comedores escolares nos centros docentes públicos non universitarios, dependentes da Consellería con competencia en materia de educación. Este decreto configura o comedor escolar como un recurso educativo de carácter complementario, compensatorio e social, especialmente destinado a garantir a efectividade da educación básica obrigatoria dentro dos principios de igualdade e solidariedade”.