O BNG insta ao Concello a denunciar á Xunta por incumprir a ordenanza de Medio Ambiente nos seus solares da Tinería

O BNG-AA ven de rexistrar unha solicitude formal para que o goberno municipal actúe e aplique a ordenanza de Medio Ambiente, tamén, nos terreos propiedade da Xunta. Rubén Arroxo explicou que “no barrio da Tinería a Xunta ten terreos que se atopan nun estado selvático e mesmo a maleza empeza a invadir a vía pública”. E asegura que “se está obrigando a limpar solares en todo Lugo, pero vemos como non se aplica o mesmo raseiro con espazos da Xunta que están nunha zona emblemática da cidade”.

Na ordenanza de Medio Ambiente do Concello de Lugo está reflectido, no punto 1º do artigo 302, que Os propietarios de soares que linden coa vía pública deberán valalos con cerramentos permanentes situados na aliñación oficial, mantelos libres de residuos e en condicións de hixiene, seguridade e ornato de conformidade co disposto nos artigos 21 e 245 da Lei do Solo. O voceiro do BNG afirmou que “o que ocurre nos predios da Tinería que son propiedade da Xunta é todo o contrario á disposición da ordenanza, estando cheos de maleza e totalmente abandoados, ademais de crear problemas pola presencia de fauna e lixo”.

 

Arroxo sinalou que, tal e como marca a norma, “o concello podería, por motivo de interese público e se fose necesario, asumir subsidiariamente as obrigas do propietario”. Para o BNG-AA este sería o caso da Tinería se a Xunta non atende as demandas do Concello “por que debe ser unha actuación prioritaria preservar unha zona que forma parte de bens declarados Patrimonio da Humanidade”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com