O BNG de Outeiro de Rei realizou un acto reivindicativo para reclamar o acondicionamento dun paso seguro para persoas na N-VI. Os nacionalistas instalaron un paso de peóns temporal e simbólico para demandar o que cualificaron como “unha necesidade para todas as persoas que, a diario, teñen que cruzar a N-VI para ir dun lado ao outro da vila”. Durante aproximadamente media hora a estrada N-VI contou cun paso de peóns por primeira vez, a pesares de que o BNG leva anos demandando a súa delimitación.
O voceiro nacionalista explicou que son moitas as persoas que teñen que cruzar esta estrada por que “nas dúas partes da vila hai vivendas, dun lado está o concello e as entidades bancarias e do outro o centro de saúde, a farmacia, a residencia da terceira idade, etc…”. O BNG pretendeu, con este acto, chamar a atención de veciños e visitantes nun dos días que se celebra a festividade de Sta. Isabel e a feira de artesanía de Outeiro de Rei.
Dende o BNG explicaron que “tal e como está sinalizada a estrada incluso poderían ser sancionadas as persoas que a crucen a pé”. Os nacionalistas sinalaron que “será o ministerio quen diga cal é o sistema máis axeitado para garantir a seguridade das persoas pero algo hai que facer”. Para dar solución a esta carencia pódense adaptar diferentes solucións, como indicou Ferreiro “pode ser dende un paso de peóns, semáforos, unha rotonda, un paso elevado, hai centos de solucións posibles”.