Ediles do BNG visitaron o barrio do Sagrado Corazón e comprobaron que non hai nada feito dos anunciados proxectos da Xunta e do Concello.
“Nin ascensor, nin novo colexio para o Sagrado Corazón esta é a realidade das promesas de PP e PSOE”, dixo Rubén Arroxo e comprobou como nos terreos nos que se anunciou a construción dun novo centro escolar medra a maleza pero non hai rastro de obras “o que indica que pasará outro curso escolar máis sen que se dote a esta zona dun novo colexio” e lembrou ”tanto cargos do PP como do PSOE se afanaron en presentar proxectos e anunciar a construción pero a realidade é teimuda e nin hai nada feito nin parece que se vaia a facer un futuro próximo”.
Rubén Arroxo lembrou, tamén, como os gobernos socialistas do concello de Lugo levan anunciando a construción dun ascensor para o barrio dende que en xullo do ano 2013 o anterior alcalde socialista presentou o proxecto para a construción dun ascensor no Sagrado Corazón, “as veciñas e veciños seguen subindo polas escaleras” dixo Rubén Arroxo. O voceiro do BNG fixo referencia á inauguración do aparcadoiro de ADIF e apuntou ”está moi ben que a alcaldesa acuda a inaugurar obras que lle fan outras administracións pero tamén debería preocuparse polas que ten que facer o concello e que levan anos paralizadas”.
Ademais, durante a visita, os ediles do BNG sinalaron que resulta “lamentable” o abandono do edificio que albergaba a gardaría que permanece pechado e sen uso. A falta de axilidade dos gobernos das administracións permitiron o peche da gardaría que funcionou durante anos no barrio e que a día de hoxe é outro edificio máis que está pechado e deteriorándose co paso do tempo. O BNG tamén solicitará unha maior limpeza das beirarrúas do barrio e o arranxo das fochancas existentes no cruce coa Avenida Adolfo Suárez que é o acceso máis transitado para o barrio.