O voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, lembrou que estamos a dous meses de finalizar o exercicio orzamentario do ano 2016 e que “hai partidas orzamentarias que non se executaron, e dificilmente se executarán” e sinalou “presentamos máis de 70 propostas e apenas se cumpriron media ducia, quedaron cousas importantes sen executar por incompetencia do goberno, non foron capaces de poñer en marcha nin as súas propias propostas”
Rubén Arroxo anunciou que “será difícil chegar a acordos por que os gobernantes do PSOE non foron capaces de executar o orzamento que eles mesmos propuxeron” e lembrou que “no exercicio pasado abstivémonos para dar un voto de confianza a un goberno recen chegado pero a experiencia deste ano dita que as promesas foron papel mollado”.
Arroxo puxo como exemplo dos incumprimentos orzamentarios “a creación da zona pública de baño, para que o goberno destinou unha partida de 250.000 nos orzamentos do ano 2016 e da que non hai nada feito, agás unha batimetría coa que a alcaldesa tenta convencer aos lucenses de que, para o vindeiro ano, van facer algo”.
Segundo o voceiro do BNG-AA outro dos asuntos que os gobernos socialistas levan prometendo dende o ano 2013 é a posta en marcha de hortos urbanos. “Esta actuación é sinxela por que o concello dispón de terreos e non ten un elevado custo, é un claro exemplo do que se pode facer con vontade, é o único que se precisa” sentenciou Arroxo.
Outra das intervencións ás que fixo referencia Rubén Arroxo foron “a implantación de zonas 30 en rúas da cidade e á peonalización do tramo da Mosqueira”.