Rubén Arroxo anunciou a presentación dunha serie de preguntas para a súa resposta oral no vindeiro pleno da corporación relativa á construción dunha rotonda no enlace entre Fontiñas e San Eufrasio. Rubén Arroxo sinalou que “a falta de iniciativa do goberno municipal e á política de castigo a Lugo da Xunta de Galiza manteñen paralizada a posibilidade de dar solución ao maior problema de tráfico que ten a cidade de Lugo”.
Rubén Arroxo dixo “propuxemos este asunto por diversas vías pero a parálise do PSOE e as trabas do PP na Xunta fan que non se avance nesta infraestrutura necesaria” e lembrou con esta intervención contribuirase a evitar os atascos en Fontiñas. Arroxo sinalou que esta proposta está enmarcada no proxecto de cidade que o BNG ten para Lugo e que vai encamiñado a un novo modelo de mobilidade.
Coa creación do rotonda, segundo Arroxo, facilitariase a circulación de vehículos por itinerarios diferentes á ronda da Muralla e dixo “evitar o colapso das vías alternativas redundará en liberar o entorno da Muralla de tráfico rodado”. O voceiro do BNG lembrou que a proposta da creación dunha rotonda na intersección de San Eufrasio con Fontiñas xa foi feita fai tempo “pero o goberno municipal parece que non da pasos para que esto se materialice”.
Arroxo dixo que “dende o concello tamén se debe animar a institucións como Xunta e Deputación para que se faga un rotonda na confluencia de San Eufrasio co Paseo do Rato”. Esta rotonda facilitaría a circulación de todos os vehículos que circulan pola estrada de Fonsagrada na que, moitos deles, fan o percorrido entre Lugo e o HULA. “Entendemos que son infraestruturas perfectamente asumibles, en canto ao custe, e mellorarían significativamente a seguridade e facilidade de transito por estas vías” afirmou Rubén Arroxo.