O BNG non apoiará iniciativas do PSOE se non se retira a ‘Ordenanza Mordaza’

O voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, compareceu esta mañá ante os medios de comunicación para pedir a retirada da Ordenanza Cívica, coñecida entre os seus detractores como Ordenanza Mordaza. Arroxo que estivo acompañado de representantes do consello local e comarcal do BNG, asegurou que, se o goberno non retira esta ordenanza, o BNG non volverá a dar o apoio ao goberno socialista xa que, en palabras do voceiro, queda claro que os modelos de cidade son “totalmente diferentes e antagónicos”.

Arroxo sinalou que “dende un primeiro momento o BNG manifestou o seu rexeitamento a esta Ordenanza” e lembrou que xa se dera unha situación similar no ano 2009 cando o goberno municipal socialista tentara a aprobación dun regulamento similar. Rubén Arroxo afirmou que “o BNG ten un modelo claro para Lugo, queremos unha cidade viva que aposte polo movemento cultural e artístico, que aposte polo tecido asociativo e os colectivos que traballan en diferente ámbitos” ademais o voceiro do BNG dixo que “o modelo do BNG contempla unha potente política social para mellorar a calidade de vida das persoas e non para reprimir”.

Despois de lembrar as mobilización dos pasado día 26 de setembro, Arroxo dixo “a ordenanza que se presentou no borrardor impide o desenvolvemento dos movementos culturais e artísticos e castiga ás persoas con menos recursos”. Arroxo pediulle ao goberno municipal “que anuncie a retirada do borrador antes de que remate o mes de outubro” e de non ser así “que non nos chamen para nada por que serán dous modelos de cidade, o PSOE que se adique a construir o seu modelo co PP e Cididáns por que o modelo de cidade do BNG está nunha liña totalmente antagónica”.

Ademais Rubén Arroxo propuxo a actualización de catro das Ordenanzas Municipais, como a de Medio Ambiente, para mellorar a limpeza e o coidado da cidade; a de  Contaminación Acústica, para mellorar a convivencia; a de Publicidade, para poder eliminar a publicidade sexista, ou a de Tenza de Animais, para axeitala á lexislación actual.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com