O BNG protagonizou en Lugo un acto alternativo e reivindicativo no día de Europa. Dende a formación nacionalista reivindicaron outras políticas da UE en relación ás persoas refuxiadas, Rubén Arroxo acusou directamente á Unión Europea “de estar vendendo armas para o conflito de Siria e ao mesmo tempo de negarlles a entrada ás persoas que foxen dunha morte segura nunha guerra que non provocaron”. “As actuais políticas da Unión Europea provocan que exista unha liberdade absoluta para os movementos económicos e de mercadorías mentres se veta os movementos das persoas que foxen das guerras”, subliñou.
Asemade, Arroxo declarou que, “neste momento, a Unión Europea so nos serve para que se nos impoña o tratado coñecido como TTIP que será lesivo para os intereses económicos das nosas veciñas e veciños”, e lembrou que “tal e como pronosticaba o BNG no seu momento a entrada na Unión Europeo foi a fin dos sectores productivos deste país como o sector lácteo, o pesqueiro e o naval”. O TTIP é un tratado que vai a rematar de destruir os nosos sectores productivos xa que “vai permitir que o que agora se produce aquí sexa fabricado a miles de quilómetros se garantías laborais para as persoas traballadoras e sen garantías sobre a calidade do produto”.
Os nacionalistas reivindicaron, con este acto, a necesidade de que a Unión Europea “tome cartas no asunto para defender as persoas e non aos intereses económicos das grandes corporacións”.
O BNG non participou dos actos oficiais organizados polo concello de Lugo por considerar que, neste momento, as políticas da Unión Europea son malas para as persoas.