O BNG pide o arranxo do Caneiro da Acea de Olga

 O voceiro do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, reclamou o arranxo do caneiro de Acea de Olga. Arroxo lembrou que “o BNG xa advertiu desta situación en agosto de 2013 tras o remate das obras de rehabilitación de Ponte Romana e dende aquela non se fixo nada mais que un intento de arranxo provisional que tapou un dos ocos, agora outro novo tramo do caneiro desapareceu”. Ediles do BNG repetiron a imaxe coa que, no ano 2015, reclamaban o arranxo do Caneiro e na que se aprecia o deterioro e a desaparición dun novo tramo .

“Estamos na época axeitada para que se acometan as obras, e o caneiro corre, cada vez máis, un serio perigo polo deterioro estrutural que sufre” dixo Rubén Arroxo. O voceiro do BNG explicou que a estrutura do caneiro está afectada e, no caso de fortes crecidas, podería sufrir danos máis importantes e irrecuperables. 

Arroxo indicou que a rotura deste novo tramo do caneiro provoca unha importante perda de auga que ten importantes consecuencias mediambientais. Ademais, a perda de auga dificulta enormemente que o río poida ser gozado polos lucenses como lugar de ocio e tamén impide a práctica deportiva dalgúns deportes como o piragüismo. 

Rubén Arroxo incidiu na necesidade de tomar medidas, dende o propio  concello, para evitar o deterioro do noso patrimonio xa que “os caneiros, ademais da función que cumpren, forman parte do noso patrimonio cultural”. Arroxo criticou que “ata agora ningunha administración moveu ficha para solventar esta situación”.

Ademais, BNG propón que se fagan os trámites necesarios para intentar reparar dun xeito definitivo o caneiro de Santalla, asegurando a súa conservación. Arroxo explicou que “neste caneiro tamén hai danos que poden poñer en perigo a súa estabilidade estrutural e ten importantes perdas de auga”. O caneiro de Santalla, que se atopa na desembocadura do río Rato, fora restaurado pola Deputación e neste momento precisa de reparacións para recuperar zonas afectadas polas riadas. Este caneiro, ademais do seu uso como elemento recreativo, é un importante elemento patrimonial e etnográfico. Pódese considerar como un peza musealizada do que foi a vida do río e o seu aproveitamento noutra época.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com