O voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, demandou esta mañá que se aplique a normativa municipal nos terreos baleiros do barrio do Castiñeiro e de Lamas de Prado. “Hai moitos predios que se atopan en zonas urbanizadas pero non se chegou a construír neles e neste momento están cheos de maleza que albergan roedores e réptiles que preocupan á veciñanza”.
“Case cada semana, recibimos queixas veciñais da zona Lamas de Prado e do Castiñeiro polas molestias derivadas dos solares que están sen rozar e sen pechar”, sinalou o nacionalista que apuntou que as ordenanzas municipais teñen regulado a situación en que se deben manter os terreos que non teñan uso no zona urbana. Arroxo lembrou, tamén, as numerosas queixas que o BNG ten presentado neste senso.
“A veciñanza está farta de que se faga un trato diferente entre os grandes propietarios, bancos e construtoras, e o resto de veciños e veciñas que teñen terreos sen ocupar” dixo Arroxo e pediu “igual aplicación das ordenanzas” independentemente de que sexa a propiedade dos terreos. O BNG seguirá traballando nas melloras dos barrios “para que Lugo funcione”.