O BNG – Asembleas Abertas trasladaralle ao goberno municipal unha petición para que se actualicen as gravacións dos audios que teñen os semáforos nas prazas e rúas nas que foron substituídos os nomes franquistas. Rubén Arroxo sinalou que “as placas e nomes de rúas e prazas xa foron cambiadas e agora compre actualizar os audios que emiten os altavoces que axudan a que as persoas invidentes poidan cruzar con seguridade”.
Arroxo puxo como exemplo o semáforo situado no paso de peóns que atravesa a rúa de San Roque fronte á praza de Mártires de Carral. Na gravación que emite este semáforo, cando está en verde para as persoas, aínda se escoita o nome de praza de Comandante Manso. Arroxo dixo que “”compre facer unha revisión de outros semáforos situados noutras prazas e rúas as que lles foi substituído o nome”.