O BNG pide retirar os símbolos da ditadura que quedan en edificios públicos

O voceiro do BNG-AA anunciou hoxe que a formación que representa seguirá traballando para que se retiren das rúas e dos edificios da cidade os símbolos que aínda quedan da ditadura e que incumpren a Lei de Memoria Histórica.

“Despois do avance que se deu en Lugo con este tema, entendemos que nin a Xunta nin o novo goberno do Estado terán problema en efectivizar a retirada” dixo Rubén Arroxo que explicou que o edificio de Sanidade da Xunta de Galicia da rúa Montevideo “manten un escudo franquista na fachada da rúa María Balteira” e o edificio de Facenda do Estado na rúa da Raíña tamén ten un escudo da ditadura franquista na parte alta da fachada principal.

Ademais Rubén Arroxo aclarou que nun momento coma este que hai un debate a nivel de estado para sacar ao ditador do seu mausoleo, o propio goberno do estado debe cumprir co que lle compete directamente. “Agora que o goberno central quere sacar a Franco de El Valle de los Caidos que comece dando exemplo e retire a simboloxía franquista dos seus edificios”.

“Algúns símbolos da ditadura xa desapareceron e outros deben ser retirados para cumprir coa lei de memoria histórica” informou Arroxo e lembrou que “grazas ao BNG avanzouse na limpeza da simboloxía franquista pero aínda quedan cousas”. A eliminación dos escudos do edificio de Sanidade na rúa María Balteira e o do edificio de Facenda son algúns dos exemplos que puxo Rubén Arroxo.

O voceiro do BNG – Asembleas Abertas lembrou que en Lugo, e outras cidades, aínda quedan moitos edificios que teñen pequenas placas nas súas fachadas que teñen os símbolos da falanxe e pediu que o concello estableza un procedemento de retirada das placas con simboloxía franquista para aquelas comunidades de veciños sen que lles supoña ningún tipo de custo. “É un xeito de avanzar na imaxe democrática do noso concello e de facer xustiza con todas as persoas que foron represaliadas” afirmou Rubén Arroxo. O concello deberá artellar un mecanismo para que o concello asuma os gastos de retirada das placas nas comunidades de propietarios que o desexen eliminar estes símbolos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com