O BNG solicita unha ampliación no horario de visitas dos museos do Concello deLugo. Os nacionalistas denuncian que, a día de hoxe, e malia os diversos anuncios do Goberno municipal ao respecto, as instalacións da Casa dos Mosaicos, o Domus do Mitreo, a Sala de Exposicións de Porta Miña e o Centro Arqueolóxico de San Roque tan só abren de xoves a domingo, e este último día só polas mañás.
“Tanto o turismo como a xente de Lugo teñen que facer piruetas para atoparse cos museos abertos”, afirmou a concelleira nacionalista Maite Ferreiro. A propia edil explicaba que Lugo conta con tres patrimonios da humanidade e cuns restos arqueolóxicos e un patrimonio que fan que a cidade sexa un punto de importante interese turístico. “Se queremos que ese turismo quede satisfeito e siga en aumento temos que crear as condicións”, conclúe.
Deste xeito, para o BNG cómpre axilizar esta situación xa que “os datos din que o turismo en Lugo está a medrar, pero o Concello non está a dar a resposta necesaria a esta situación”, dixo Ferreiro.