O voceiro do BNG-AA en Lugo, Rubén Arroxo visitou esta mañá, acompañado dun grupo de veciños e da candidata ao Parlamento Galego por Lugo, Olalla Rodil; o barrio de Albeiros e a zona da Garaballa. Dende fai anos existe un importante problema de saneamento do río que bordea as vivendas desta zona da cidade. “O BNG buscará unha solución para eliminar as augas fecais da Garaballa”, afirmou Rubén Arroxo que anunciou que presentará un rogo para que o Concello busque a solución co resto de administracións implicadas a esta “situación terceiromundista”.
“Mosquitos, cheiro, contaminación e augas fecais é o que viven a diario as veciñas e veciños do barrio de Albeiros”, dixo Rubén Arroxo. A situación nesta zona vén derivada do mal funcionamento do pozo de tormenta situado entre a a Av. Infanta Elena e o barrio da Garaballa, “un pozo de tormenta que supuxo un elevadísimo investimento e que nunca funcionou por que ningunha administración se fai cargo do seu mantemento”, explicou o voceiro do BNG-AA.
Rubén Arroxo sinalou que “non é a primeira vez que o BNG denuncia esta situación que se vén prolongando dende fai anos e veciñas e veciños están fartos de aguantar o cheiro e as picaduras dos mosquitos”. Neste tramo alto do río Rato pode percibirse perfectamente de onde proceden as augas fecais que se incorporan ao cauce do río e o estado de “morte biolóxica” no que se atopa o río nesta zona.