O BNG presentará unha proposta para recuperar elementos patrimoniais de arquitectura civil

Os representantes do BNG na Deputación de Lugo, xunto con ediles nacionalistas de Sarria, presentaron na deputación a iniciativa que defenderán no vindeiro pleno do organismo provincial para promover a recuperación e posta en valor de elementos patrimoniais de arquitectura civil existentes na provincia de Lugo.

Grazas á proposta do BNG a Deputación de Lugo elaborará un Plan Plurianual para pór a disposición dos concellos unha liña de axudas destinadas a recuperar estes elementos patrimoniais.

Trátase de que, tanto Deputación como Xunta, apoien aos concellos á hora de manter, recuperar e poñer en valor o patrimonio público municipal e elementos patrimoniais de arquitectura civil de especial relevancia existentes no seu ámbito municipal. O voceiro do BNG na Deputación, Xosé Ferreiro, sinalou que non poden permitir que torres como a de Sarria ou Caldaloba continúen deteriorándose sen que se tomen medidas.

Ferreiro explicou que desde o seu partido “pretenden que todas as administracións traballen de xeito conxunto para preservar o patrimonio”.

Por outro lado,  a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu onte en Lugo as propostas do seu partido en dúas cuestións de plena actualidade política: financiamento autonómico e loita contra a pobreza enerxética, nun momento en que o prezo da luz alcanza máximos históricos.

Nun acto aberto á veciñanza no centro social Uxio Novoneyra, Pontón explicou a proposta de concerto económico do Bloque que consiste “na xestión e control desde Galiza de todos os recursos do país e, como xa fan en Euskadi, aportar ao Estado unha cantidade como compensación por servizos comúns. Con este sistema, a facenda galega disporía de tres mil cinco centos millóns adicionais que permitirían a Galiza acabar cos recortes e blindar servizos públicos e sociais”.

A pobreza enerxética foi outras das cuestións abordadas pola dirixente do Bloque quen cualificou de “disparate político que en Galiza haxa miles de familias que pasan frío porque non poden prender a calefacción ou que varias empresas importantes para Lugo se cuestionen a súa continuidade polo custe enerxético”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com