A parlamentaria do BNG por Lugo, Olalla Rodil, saíu hoxe ao paso da proposta única de construción dunha comisaria de policía no edificio da Residencia que está a ser defendida por diferentes forzas políticas. Olalla Rodil lembrou que o seu partido propón “crear un PAC e un centro de saúde no edificio da Residencia” para aliviar a “saturación” do PAC de Fingoi e do Centro de saúde da Milagrosa. Ademáis Rodil presentou tamén unha segunda proposta que consiste “na creación dun centro de atención socio-sanitaria temporal para persoas que non precisan estar hospitalizadas”. Rodil deixou claro que cada vez son máis os anciáns que viven sen compaña en Lugo e que despois de estar hospitalizados teñen que voltar as súas casa, polo que o BNG considera que “precisarían dun centro onde fosen atendidas ata a súa total recuperación”.
“Deciden en Madrid o que necesitamos en Lugo” dixo Olalla Rodil reiterando o sobre uso dos centros de saúde de Fingoi e a Milagrosa, ademáis a nacionalista asegurou que “nin o goberno da Xunta, nin o goberno municipal de Lugo se están a pronunciar sobre as decisións que se toman nos despachos de Madrid e se trasladan aos lucenses a través da prensa”. Rodil fixo saber que “o PP nunca quixo facer nada por este edificio nin por este barrio”, e reclama que se lles explique aos lucenses “cales son os planes para o resto de edificios do complexo”.
En referencia á situación de abandono do edificio da residencia, Rodil apuntou que “esta zona da cidade precisa, claramente, dun P.A.C. para mellorar as prestacións sanitarias dos veciños e veciñas” e sinalou que o Bloque Nacionalista Galego apoia dende o comezo as demandas dos veciños e veciñas da zona e leva presentadas infinidade de inciativas nas diferentes administración en defensa do uso socio-sanitario das instalacións e edificios do vello Hospital Xeral. Así, en setembro de 2010, en abril de 2011 e en outubro de 2011, conseguiuse que o Pleno do Concello aprobara as diferentes propostas do BNG pedindo unha revitalización social e económica deste barrio, afectado polo traslado dos servizos sanitarios ao Novo Hospital.