O BNG propón escavar o castro da Piringalla para recuperalo como atractivo turístico

O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, propuxo desenvolver un plan para escavar e poñer en valor o Castro da Piringalla. Arroxo que visitou a zona acompañado do parlamentario do BNG, Cosme Pombo, e da candidata ao Parlamento por Lugo, Olalla Rodil, asegurou que “tanto o Concello como a Deputación e a Xunta terán que comprometerse para facer os investimentos necesarios”.

Para o BNG “o Castro da Piringalla pode converterse nun importante punto de atracción turística para a cidade”. Arroxo sinalou que “estamos mandando aos turistas que nos visitan a Viladonga cando nós mesmos temos un castro desaproveitado dentro da propia cidade”. O Castro da Piringalla complementaria a oferta turística da cidade “ademais de aportar coñecemento sobre a historia da cidade e converterse nun centro de estudo arqueolóxico” dixo o voceiro nacionalista.

Olalla Rodil engadiu que a Xunta “ten que involucrarse na conservación do noso patrimonio e dende o Parlamento defenderemos que esto sexa así”. Rodil demandará a creación dun ente que coordine as excavacións na cidade e a elaboración dun Plan de Escavacións que priorice as actuacións e estableza unha programación plurianual no que se poderá contemplar a inclusión de estudantes que acudan a Lugo a participar nas excavacións.

O Castro da Piringalla data da Idade do Ferro e é anterior, polo tanto, á época romana, polo que tén un importante valor arqueolóxico. Foi descuberto, no ano 2007, no transcurso dunhas obras municipais de substitución dunha das tubaxes de canalización de auga que conducen aos depósitos municipais ubicados xusto enfronte do castro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com