O BNG presentará unha proposta no vindeiro pleno da corporación para a instalación dunha zona de xogo infantil na praza de Ferrol. A edil nacionalista Maite Ferreiro lembrou que no centro da cidade hai unha carencia real destas instalacións para o ocio de nenas e nenos. Ferreiro explicou que as poucas instalacións que hai son “insufiencientes” e moitas veces as nenas e nenos “teñen que gardar colas para subir aos xogos”.
Para o BNG a instalación dunha zona de xogo infantil na praza do Ferrol é unha opción “totalmente asumible” polo concello xa que se trata dun “pequeno investimento que melloraría e humanizaría máis esta zona da cidade”. Maite Ferreiro sinalou que a zona xa ten espazos de sombra e mobiliario urbán. Ademais a instalación de xogos para uso infantil “melloraría a calidade do tempo que utilizan esta zona as nenas e nenos dos colexos existentes nas proximidades”, afirmou a edil nacionalista.
Segundo os nacionalistas cómpre ademais”converter a praza do Ferrol en zona de tráfico calmado con autorización de entrada unicamente para residentes e usuarios do centro médico que teñan que acceder co vehículo ata a entrada do centro sanitario”.