O voceiro do BNG – AA, Rubén Arroxo, pedirá que se corte o tráfico na parte baixa da Calzada da Ponte este vindeiro domingo e cada vez que xogue o C. D. Lugo “para evitar riscos e posibles accidentes”. Arroxo sinalou que “a nosa proposta é que se corte o tráfico tres horas antes dos partidos e unha hora despois, nesta zona na que se xuntan centos de persoas que forman parte das afeccións que acoden ao Anxo Carro a ver os partidos”. Para o BNG-AA estes cortes, nos días de partido, sería unha boa oportunidade para experimentar o que suporá a futura peonalización da Calzada da Ponte.
Arroxo reuniuse con seareiros e representantes de peñas do CD Lugo que, “no pasado ano, xa trasladaran esta proposta á alcaldesa pero que foi ignorada”; O voceiro nacionalista lembrou, tamén, que hai un acordo plenario para peonalizar esta vía dende o 2015.