O candidato do BNG á alcaldía e voceiro do grupo municipal, Rubén Arroxo, presentou esta mañá unha iniciativa para peonalizar o tramo do Camiño Real comprendido entre a rúa Concepción Arenal e a ronda da Muralla. Arroxo sinalou “é unha das primeiras propostas novedosas que presentamos e que irá incluída no programa de goberno do BNG para Lugo”.
“O tramo entre Concepción Arenal e a ronda ten moito comercio e hostalería, pero o espazo para as persoas é mínimo”, sinalou Arroxo e explicou que “sería un xeito de dinamizar esta zona da cidade, enlazando o tramo peonil da rúa Nova coa nova zona peonalizada do Camiño Real”. Moitas persoas circulan camiñando, durante todo o día, por este tramo co Camiño Real e a circulación de vehículos a motor “unicamente recolle tráfico que transita cara a ronda da Muralla e que non tería que pasar por esta rúa”. Todo o tráfico que circula por este tramo de 100 mentros podería incorporarse á ronda, por Concepción Arenal, xunto da gasolineira.
Rubén Arroxo lembrou que no ano 2002 peonalizouse Bispo Aguirre, unha peonalización fóra de murallas, que revitalizou esta rúa da cidade “algo similar podería suceder co Camiño Real, na zona norte da cidade, unha rúa que ten potencial e que podería revitalizarse como zona comercial e de ocio”. Arroxo referiuse á estreitez das beirarrúas no Camiño Real onde apenas queda espazo para o transito das persoas “o tramo entre Concepción Arenal e a ronda ten moito comercio e hostalería, pero o espazo para as persoas é mínimo”