O voceiro do BNG-AA instou ao goberno municipal a poñer en marcha unha campaña de información sobre a nova normativa anunciada dende a Xunta de Galicia en relación á prevención de incendios forestais. “Evindentemente é a Xunta quen ten que facer o groso deste traballo, pero entendemos que o Concello pode colaborar a proveitando a existencia dunha Oficina do Rural que ten contacto directo con moitas veciñas e veciños das parroquias do concello”, dixo o voceiro do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo.
O nacionalista animou ao goberno municipal a programar charlas informativas nas parroquias “o Concello de Lugo debería atender na Oficina do Rural todas as dúbidas que xurden coa nova normativa da Xunta” dixo Arroxo. O pasado 28 de decembro o Goberno da Xunta de Galicia aprobou modificacións na Lei 3/2007 de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia. “Estes cambios afectan á xestión da biomasa vexetal arredor de núcleos habitados, vivendas illadas, fincas…etc e o concello debe facilitar información” afirmou o voceiro do BNG.
O principal cambio é que en torno ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable amplíase de 30 a 50 metros a distancia que ten que estar rozada e onde non pode haber especies pirófitas, como piñeiros, eucaliptos ou acacias. A franxa de 50 metros terán que respectarse en torno a edificacións e vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques e instalacións industriais. No caso das edificacións e vivendas illadas e urbanizacións os 50 metros mediranse dende o paramento exterior das construcións ou das instalacións anexas.
Os traballos de desbroce e limpeza deberán realizarse antes do 31 de maio (anteriormente era antes do 30 de xuño) e en caso de ser requirido, o propietario dispón por Lei dun prazo de 15 días prorrogable en casos debidamente xustificados. A resolución dos expedientes corresponde á consellería do Medio Rural. As sancións varían de 100 a 1000 € en caso de infraccións leves, de 1001 a 10.000 en caso de graves e de 10.001 a 1.000.000 euros en caso de moi graves.