O BNG propón unha modificación parcial da RPT para salvar a Escola de Música

O BNG-Asembleas Abertas trasladará á xunta de portavoces do Concello de Lugo unha proposta para que o Goberno Municipal acometa unha modificación parcial da Relación de Postos de Traballo que sirva para garantir a pervivencia da Escola Municipal de Música. O voceiro do BNG-AA, Rubén Arroxo explicou que “este é o camiño máis seguro e curto para evitar unha posible desaparición da Escola Municipal de Música” e advertiu de que “existe a posibilidade de que o Tribunal de Casación non admita a trámite o recuso que se presenta dende o concello e esto podería precipitar os acontecementos dun xeito pouco desexado por ninguén”.

Para o BNG-AA o Goberno Municipal debe dar pasos no sentido, manifestado por todos os grupos políticos da corporación, de garantir a continuidade da Escola Municipal de Música e por iso “non se pode agardar, sen facer nada, a que se de a circunstancia de que o Tribunal de Casación admita o recurso e que nese tempo se poida efectivizar a aprobación dunha nova RPT para o concello”, salientou Arroxo. O voceiro da formación concretou que “por iso levaremos esta proposta á Xunta de Voceiros para avanzar nunha solución factible, rápida e eficaz que garanta a continuidade da Escola de Música e preserve a situación laboral das persoas que prestan servizo nela”.

Rubén Arroxo explicou que redacción dunha nova Relación de Postos de Traballo, que afecte a toda a plantilla municipal, será un proceso longo e complexo e tampouco é seguro que o Tribunal de Casación admita a tramite o recurso que o concello presente contra a sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Arroxo dixo que a modificación parcial da RPT que se acometa deberá facerse salvando aqueles puntos que sinala a sentencia do TSXG como causa da revocación do acordo da Xunta de Goberno 6/377 pola que se modificou parcialmente a RPT, aprobada no ano 2006, e modificación das condicións laborais dos empregados da Banda de Municipal.

A modificación parcial da RPT é un procedemento ampliamente utilizado nas administracións locais e neste caso “é entendible que se aplique para garantir a continuidade da Escola de Música xa que é un servizo público cunha ampla demanda social” . “Unha modificación parcial, que garanta a continuidade da Escola Municipal de Música, non é incompatible co avance na redacción dunha RPT xeral do concello”, sinalou Arroxo que defendeu, unha vez máis, a necesidade de que o Goberno Municipal dea solución á regularización da Relación de Postos de Traballo do Concello.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com