A edil do BNG, Maite Ferreiro, reclamou que se empece a traballar na Ordenanza Municipal de Publicidade para regular certos aspectos que neste momento non están sometidos ao control da administración local. Unha vez descartado o borrado da Ordenanza Mordaza, para o BNG, “compre avanzar na implementación de medidas para mellorar a calidade de vida na cidade e controlar certos aspectos, por exemplo da publicidade, que supoñen un ataque claro ás liberdade das persoas”.
Maite Ferreiro denunciou o incremento da publicidade sexista nas festas e sinalou que, en Lugo, “publicítase que, en determinados lugares, se poden adquirir mulleres para utilizar sexualmente”. Ferreiro amosou imaxes de anuncios publicitarios en diversos formatos “nos que se ofrece a posibilidade de mercar ou alugar mulleres para o seu uso con fins sexuais” e engadiu “en todos os casos que atopamos na rúa se trata de empresas que se lucran do uso das mulleres como obxecto sexual”.
Ferreiro lembrou que o BNG puxo esta cuestión enriba de mesa en numerosas ocasións e dixo que “non se fixo nada a pesares dos pronunciamentos plenarios e do propio Foro de Igualdade no que atinxe á publicidade sexista e machista que se pode ver en moitos puntos deste concello”. Ferreiro lembrou que “a pesares de que no ano 2013 se chegou a presentar un borrador, os gobernos socialistas deste concello foron incapaces de concluír unha ordenanza reguladora da publicidade exterior que poida poñer veto a todas as barbaridades que se ven nas rúas de Lugo día tras día”.