O BNG – Asembleas Abertas levará ao pleno da corporación unha iniciativa para que o goberno municipal active as medidas necesarias para que as pistas deportivas dos colexios permaneza abertas as fins de semana e en horario non lectivo. Arroxo fixo esta proposición “para que todos os barrios conten con instalacións deportivas e cubriríase a importantísima demanda existente”.
Arroxo sinalou “a grande demanda entre a xente nova e a falta de espazos existentes nos barrios de cara a poder practicar deporte en equipo (fútbol, baloncesto…) de forma lúdica” e lembrou que “en xeracións pasadas os nenos, nenas, mozos e mozas tiñan unha ampla posibilidade de poder xogar e ocupar o seu ocio nas rúas, porén hoxe en día debido ao resultado nefasto ao que chegou o urbanismo actual, a xente nova non ten eses espazos”.
O BNG – Asembleas Abertas pedirá no pleno que o goberno municipal inicie o proceso para poder abrir as instalacións deportivas dos centros de ensino para ser usadas como lugares de ocio mentres estes se atopan fóra do horario académico. Debátese en moitas ocasións da necesidade de executar novas instalacións deportivas nos barrios, algo custoso e innecesario, dado que a cidade conta cun importante número destas instalacións e repartidas polo casco urbano nos diferentes centros de ensino.
“A situación actual é a de ver cada fin de semana, ou en cada tempada de vacacións, a centos de rapaces e rapazas por toda a cidade saltando os balados dos centros de ensino, co seu consecuente risco físico, de cara a poder facer uso delas, por iso”, dixo Arroxo, e continuou, a resolución acaída sería a de realizar as xestións precisas para abrir estas instalacións fóra do horario lectivo, tendo en conta ademais que non sería preciso abrir a totalidade dos centros de ensino, senón que se podería escoller un número estratéxico para cubrir o maior número de barrios posíbel.