A candidata do BNG por Lugo ás eleccións galegas do 25 de setembro, Olalla Rodil interesouse por coñecer a situación na que se atopa o Castelo de Doiras no concello de Cervantes. Rodil visitou esta edificación que data da época medieval, acompañada por militantes e simpatizantes do BNG no concello de Cervantes. Rodil sinalou que “a situación na que se atopa o Castelo de Doiras non difire da de outras edificacións que forman parte do noso patrimonio histórico-artístico e que se poden atopar na comarca de Ancares, na provincia de Lugo e no resto do país”.
Para Rodil o patrimonio histórico-artístico que se está a estragar nas comarcas lucenses e galegas podería ser un importante atractivo turístico “se as políticas en materia de recuperación do patrimonio e de promoción turística van da man”. Para o BNG “trátase de por en valor elementos arquitectónicos que, como o Castelo de Doiras, están a derrubarse en mans de propietarios privados mentres a Xunta mira para outro lado”. Segundo explicou Rodil, para o BNG “está claro que ningunha das forzas estatais que se presentan ás eleccións van ter a intención nin a vontade de recuperar todo este patrimonio que está a deteriorar en todas as comarcas galegas”.
Olalla Rodil concretou que o BNG pulará, dende o goberno da Xunta de Galiza, polo mantemento e recuperación dos edificios declarados BIC, como é o caso do Castelo de Doiras, “asinando convenios cos propietarios para que poidan ser reclamo turístico para a zona” ou ben “dependendo dos casos tamén se podería dar uso a este tipo de edificios como sede de institucións ou servizos públicos”. A candidata nacionalista incidiu en que “os conxuntos históricos e demais elementos declarados BIC, contarán cun plano especial para a súa protección e rehabilitación a través das Consellerías de Vivenda e Solo e da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza”.
Apoio á IV Festa da Involución Educativa
A candidata do BNG participou no roteiro que, por cuarto ano consecutivo organiza a ANPA do CPI de Cervantes e que forma parte dunha xornada reivindicativa que leva por nome Festa da Involución Educativa. Olalla Rodil, que procede do concello lucense da Ribeira de Piquín, sinalou que se trata “dunha acción para defender o dereito a unha educación de calidade na montaña e no rural” e explicou que “somentes quen, como no meu caso, procedemos de concellos illados sabemos o que isto supón”.