O BNG reclama o coidado e o desbroce dos sendeiros fluviais de Lugo

O BNG – Asembleas Abertas pediulle hoxe ás diferentes institucións competentes, a limpeza e o desbroce das rutas e dos sendeiros que discorren polas beiras dos ríos lucenses.

Para Rubén Arroxo “Son cuestións de pouco custe e de grande uso, polo que o goberno municipal debe de reclamar ás outras institucións implicadas o seu mantemento”. Arroxo lembrou tamén que só dentro do concello de Lugo hai preto de 50km de sendeiros nas beiras dos diferentes cauces fluviais, algo que sinalou como “privilexio do que poucos concellos poden presumir”, mais segundo apuntou “de pouco serve termos estas marabillas naturais se non existe preocupación polo seu coidado”. O concelleiro nacionalista fixo estas declaracións durante unha visita ás proximidades do río Chamoso na coñecida como Ruta da Casa da Fervenza.

O voceiro do BNG – Asembleas Abertas apuntou tamén que “son moitas as persoas, que moi especialmente nesta época do ano, usan estas rutas calquera día da semana podemos ver ducias de persoas camiñando, correndo ou indo en bicicleta por estes camiños”. Arroxo ve con preocupación que “a maleza chegue a cubrir case por completo algúns dos tramos, dificultando en boa medida o paso por eles, ou o estado de deterioro no que se atopan as pasarelas, facéndoas perigosas para o paso das persoas”.

Arroxo tamén sinalou que no programa do BNG-AA ía incluída a proposta de varios colectivos que pedían a creación de circuítos de rutas organizadas de sendeirismo, “deporte que está a medrar e que permite ser realizado por persoas de todas as idades. “Que Lugo dispoña destes percorridos co seu adecuado mantemento, obríganos a sacar adiante proxectos coma este. O BNG-AA volverá reclamar que haxa este tipo de actividades impulsadas dende o concello”, concluíu Arroxo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com