O BNG reclama un Xulgado Específico de Violencia de Xénero en Lugo

A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, visitou o concello de Vilalba nunha ronda de visitas que está a facer por diversos concellos da provinciaOlalla Rodil sinalou que “continuaremos traballando por que a violencia contra as mulleres non para e contar cun Xulgado Específico significa ter persoal formado e especializado para abordar os casos que chegan á vía xudicial”. Con esta demanda o BNG de Vilalba únese á demanda doutros concellos da Comarca para que se instale en Lugo un Xulgado Específico de Violencia de Xénero.

Un Xulgado Específico de Violencia de Xénero terá que dar atención a mulleres de toda a provincia, para que estes casos teñan un tratamento axeitado. A proposta que defenden os nacionalistas suporía que o Xulgado acollese todos os casos que se produzan en todas as comarcas da provincia de Lugo, sendo atendidos por profesionais especializados e con formación na materia.

Neste momento unicamente as cidades de Vigo e Coruña dispoñen de xulgado específico de violencia de xénero. A posta en marcha deste xulgado en Lugo podería dar cobertura a toda a provincia e cómpre unha dotación mínima de persoal que inclúe as figuras de xuíz, fiscal, forense, secretario e funcionariado adscrito. Este xulgado podería atender os casos de violencia: maltrato, acoso e custodia de menores, ademais do seguimento de ordes de alexamento antes e despois do xuízo.

Olalla Rodil precisou que “esta decisión depende do Consello Xeral do Poder Xudicial”. A parlamentaria nacionalista lembrou as disparatadas cifras dos casos de violencia de xénero e sinalou que en Lugo hai 468 activos no programa VIOGEN do Ministerio do Interior. En 2017, segundo os datos publicados recentemente polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) na provincia de Lugo cometéronse 696 delitos de violencia machista, case dous ao día. “Desde o BNG queremos este recurso para atender de maneira acaída as mulleres da provincia pero tamén queremos que a campaña que hoxe lanzamos sirva para concienciar o conxunto da sociedade”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com