Dende o BNG trasladaran ao Parlamento as demandas da veciñanza de Piornedo que leva anos reclamando axudas da Xunta de Galicia para restaurar as pallozas.
Así mesmo defenderán que “se restitúa a liña de axudas que o Partido Popular suprimiu en 2010 a través das que o Instituto Galego de Vivenda e Solo colaboraba, en convocatorias anuais, no mantemento e rehabilitación destas construcións históricas, de orixe celta, e de incalculábel valor para o conxunto do país”.
Segundo o BNG “as actuacións levadas a cabo hai catro anos foron insuficientes, un remendo”. Desde o BNG sinalan que “cremos que a Xunta de Galiza debe recuperar a convocatoria anual dunha liña de axudas para permitir que as actuacións se manteñan no tempo e desta maneira garantir a súa conservación evitando a situación actual, é dicir, que o deterioro sexa tal que pode ser irreversíbel se non se actúa con urxencia”.
E lembran ao Goberno galego que “as pallozas están declaradas BIC e constitúen un elemento fundamental do patrimonio cultural galego e un símbolo da nosa identidade colectiva”.
Neste senso, o BNG sinala que “igual que as persoas propietarias teñen legalmente estabelecida a obriga de garantir a súa conservación, a Xunta de Galiza conta con competencia exclusiva en materia de patrimonio e a obriga de garantir a súa protección, conservación e enriquecemento, como dispón a Lei de patrimonio cultural de Galiza”.