O BNG – Asembleas Abertas presentará unha proposta para que se inclúa nos orzamentos municipais do ano 2016 unha partida para a adaptación do pavimento das beirarrúas. Rubén Arroxo explicou que “neste momento hai determinadas beirarrúas que manteñen un tipo de pavimento que provocan fortes vibracións ás persoas que transitan en cadeiras de rodas”. Arroxo sinalou que “xa en diversas zonas da cidade se foron substituíndo este tipo de pavimentos por outros que garanten igualmente unha boa adherencia para evitar resbalóns e non provocan vibracións nos aparatos de rodas”.
Para os nacionalistas “trátase dun pequeno investimento que facilitará a mobilidade e independencia para as persoas que se desprazan por rúas como Lamas de Prado e haberá que estudar cales son outras rúas nas que existe unha maior necesidade para actuar neste senso”. Os avances en materia de accesibilidade neste concello foron grandes pero non se pode descoidar o avance continúo nesta materia “sobre todo en determinados barrios periféricos da cidade”.
Asemade, Arroxo criticou a falta de planificación para celebrar o XV aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, o vindeiro 30 de novembro E lembrou que xa no mes de setembro o BNG – Asembleas Abertas propuxo pechar a Ronda ao tráfico de vehículos a motor. Rubén Arroxo sinalou que é unha oportunidade excepcional para demostrar, unha vez máis, que Lugo non precisa ter a muralla rodeada por vehículos de xeito continuo e apostou por avanzar en liberar á muralla do tráfico de vehículos a motor.