Rubén Arroxo e Maite Ferreiro visitarán durante toda esta semana a todos os profesionais da plantilla para coñecer o funcionamento do parque de bombeiros do Concello de Lugo. Rubén Arroxo anunciou que o grupo que representa levará unha iniciativa ao vindeiro pleno porque “é necesario que o goberno municipal tome medidas para que o corpo de bombeiros conte cos medios humanos e materiais precisos”.
Arroxo sinalou que fai vintedous anos a plantilla do parque de bombeiros de Lugo estaba formada por 54 profesionais e nestes intres son 45 os bombeiros que atenden o servizo, “a pesares de que as recomendacións internacionais sinalan que debe haber un bombeiro por cada 1.000 habitantes”.
O voceiro do BNG pedirá ao Goberno Municipal que se cubran as prazas necesarias para completar a plantilla e que se faga un plan de reposición bianual para que o corpo se vaia renovando cunha periodicidade lóxica. Neste momento, dos 45 bombeiros, 6 están en situación de interinidade dende fai máis de 6 anos e dende aquela non houbo novas incorporacións á plantilla. Arroxo dixo que “o servizo de bombeiros no pode camiñar cara a privatización”.