O BNG solicita coñecer o funcionamento do Punto de Encontro da Xunta

O BNG vén de solicitar formalmente unha visita, ante a Xunta de Galicia, para coñecer o funcionamento e as instalacións do Punto de Encontro que a administración autonómica xestiona, por medio dunha empresa privada, na capital. Maite Ferreiro, edil da agrupación, sinalou que “é o único punto de encontro en toda a provincia” e destacou a xestión privada do mesmo, asemade, asegurou que “trasladáronse á comisión feminista do BNG cuestións relacionadas co funcionamento destes centros por iso queremos coñecer, en primeira persoa, o funcionamento dos mesmos”.

Os Puntos de Encontro dependen da Xunta pero, neste momento, están xestionados por entidades privadas. Existen Puntos de encontro nas sete cidades galegas e as persoas que precisan utilizalos teñen que desprazarse, nalgúns casos centos de quilómetros, dende os concellos nos que residen. “Está claro que o funcionamento actual do sistema de Puntos de Encontro non é óptimo e a sociedade actual demanda unha maior implicación das institucións neste asunto que contribúe, sobre todo, ao benestar das crianzas”.

No caso de Lugo o Punto de Encontro está xestionado pola Asociación Dignidade. No resto das cidades son outras entidades ás que están á fronte da xestión dos centros. En Vigo e Ferrol están xestionados pola Asociación Camiña Social; o de A Coruña, pola Fundación Meniños; o de Ourense, pola UTE Meniños-Grupo; o de Santiago, pola Asociación Encontro; e o de Pontevedra, por Eulen Servizos Sociosanitarios.

O BNG iniciará, con esta visita, un percorrido polas entidades e instalación públicas que prestan apoio e servizo ás mulleres vítimas de violencia de xénero. “Seguimos traballando para que Lugo conte cun Xulgado específico de violencia de xénero, pero queremos coñecer outras instalacións e entidades ás que acuden, tamén, as mulleres vítimas de violencia de xénero” afirmou Maite Ferreiro

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com