O BNG – Asembleas Abertas reclamoulle ao goberno municipal a instalación doutra carpa na praza da Soidade para a venda de produtos do campo os martes e venres. Maite Ferreiro sinalou que “hoxe puidemos ver como as persoas que veñen vender os produtos non tiñan espazo físico para colocar a súa mercancia sobre os taboleiros que se puxeron nos soportais de Quiroga Ballesteros” e engadiu que “semella que ninguén se preocupou de buscar unha ubicación digna para estas persoas”.
Ferreiro dixo que “dende o BNG – Asembleas Abertas propoñemos que se instale outra carpa na praza da Soidade para acomodar, nunhas condicións dignas, ás persoas que veñen os días de mercado a ofertar os seus produtos”. A edil nacionalista dixo que “vese claramente que se improvisou e se meteu á xente que xa non collía nos soportais na mediana da carpa que estaba prevista para os praceiros, ocasionando dificultades de movemento para compradores e comerciantes”.
Asemade Maite Ferreiro afirmou que “é necesaria a instalación duns baños na praza da Soidade e dotar dos contedores necesarios a zona para evitar a acumulación de lixo” .