O BNG urxe ao Goberno Galego a revisar a zonificación para os centros de ensino de Lugo

A parlamentaria do BNG por Lugo, Olalla Rodil, sinalou a necesidade de que o goberno da Xunta afronte unha revisión da zonificación dos centros educativos do concello de Lugo “para adaptala á realidade de hoxe”. Rodil lembrou que “son moitas as familias que non teñen posibilidade de matricular a nenas e nenos nos centros públicos máis próximos á súa residencia e teñen que acabar desplazándose a outros centros lonxanos ou acudindo a centros privados”.

Rodil afirmou que a Federación de ANPAS de Lugo xa se ten pronunciado neste senso. A zonificación tense que realizar valorando as zonas de expansión da cidade e tratando de realizar “unha proposta equilibrada, con criterio e encamiñada a que os centros públicos ofrezan servizo a todo o alumnado atendendo a proximidade da súas vivendas”. Para o BNG “coa falta de toma de decisión neste asunto o goberno do PP na Xunta está beneficiando o negocio dos centros privados de ensino e tratando de mermar a calidade educativa dos centros públicos”.

A parlamentaria do BNG sinalou que “o criterio de zonificación que se está a aplicar neste momento foi deseñado fai máis de trinta anos cando zonas como Fontiñas ou Augas Férreas aínda non estaban desenvoltas urbanisticamente mentres que hoxe son os barrios de Lugo que máis poboación en idade escolar albergan”. “Esta circunstancia obriga a facer unha nova distribución para que a atención educativa sexa máis racional” afirmou Rodil.

Olalla Rodil explicou que coa eliminación dos IES das Mercedes e do Politécnico, “decisión unilateral imposta polo goberno do PP na Xunta que tivo gran contestación social” a situación agravouse. Así todo o alumnado dos CEIP Illa Verde e As Gándaras, que estaba vencellado ao Politécnico, e o alumnado dos CEIP do O Sagrado Corazón, As Gándaras, que estaba vencellado ao IES das Mercedes, está sendo derivado ao San Xillao “e esta situación provoca masificación e obriga a moitas familias a buscar outras opcións máis lonxe do seu domicilio” explicou a vicevoceira do BNG na cámara Galega. Hai que lembrar que o IES San Xillao tamén recibe alumnado de concellos limítrofes con Lugo como O Corgo ou Láncara.

Para o BNG “calquera decisión que se tome sobre a construción de novos centros educativos no concello de Lugo debe estar amparada nunha reformulación da distribución de áreas escolares por que do contrario o único que se fará será gastar cartos en ladrillo sen resolver o problema”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com