O BNG considera “indignante que en pleno ano 2018 unha alcaldesa do PSOE lle teña que pedir a San Roque axuda para frear a praga da vespa velutina durante 2 anos dende o BNG levamos este asunto a pleno, a comisións, fixemos diferentes propostas, e pouco foi atendido, agora vemos un esperpento que o único plan real da alcaldesa de Lugo sexa rezarlle a un santo” afirmou Rubén Arroxo, quen por outra banda consideraba “grave” que no día de hoxe Lugo estivese no mapa polas ridículas declaracións da máxima responsable municipal.
O BNG vén denunciando dende hai tempo a inexistente xestión da Xunta nesta praga, tendo en conta que non atendeu ás opinións de espertos que falaban de levar adiante un trampeo primaveral para a captura de raíñas, dado que cada raíña capturada e un novo avispeiro menos.
O voceiro nacionalista sinalou que “a competencia é da Xunta de Galiza pero o concello debe ter previsto un plan de actuación para poder afrontar os problemas derivados da presenza deste insecto no noso concello”. A iniciativa do BNG-AA tamén servirá para instar á Xunta a que poña os medios necesarios para tratar de frear a invasión da coñecida como avespa asiatica en todo o país. “Non hai que inventar nada novo, trátase de aplicar protocolos eficaces como o de Euskadi que está a dar un bo resultado” afirmou Arroxo.