O Bono Activa Comercio da Xunta estará dispoñible para a súa descarga e uso a partir do vindeiro luns, 15 de maio. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe os establecementos da cidade “El faro de los tres mundos” e “Foot on Mars”, adheridos á iniciativa. Lembrou que os comercios interesados poden inscribirse desde o pasado día 9 e ata o 1 de setembro.
Os bonos obtéñense en formato dixital QR a través dunha aplicación móbil, na web www.bonosactivacomercio.gal. Cada persoa ten dereito a un bono desconto de 30 euros para as compras que realice nos comercios adheridos.
O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.
Esta terceira edición do Bono Activa Comercio, que impulsa a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros e permitirá mobilizar 8,5 millóns de euros en vendas no comercio de proximidade.
Poderán utilizarse ata o 15 de setembro, salvo esgotamento previo do orzamento destinado a este programa. Como principal novidade desta campaña, e para optimizar o seu funcionamento, non se limitará o número de usuarios que poden descargarse os bonos, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.