Nas últimas horas reduciuse noutros 11 o número de casos activos relacionados co brote de Covid-19 que afecta ao distrito sanitario da Mariña. Das 92 PCR realizadas nesta última xornada, tres resultaron positivas. A maiores, nas últimas horas, un total de 14 persoas positivas en Covid-19 foron dadas de alta tras curarse e superar a enfermidade, o que deixa o número de casos activos en 140, é dicir, 11 menos ca onte. Dende o inicio do brote e ata o día de hoxe son máis de setenta as persoas afectadas por Covid-19 e vencelladas ao brote que xa están curadas e foron dadas de alta.
Das 92 PCR realizadas nas últimas horas a persoas relacionadas con este brote, tres arroxaron resultado positivo. As restantes 89 foron negativas. Neste momento a porcentaxe de PCR positivas é moi baixa respecto ao momento no que se adoptaron as medidas especiais para conter o brote no distrito da Mariña, cando aproximadamente o 20% das PCR realizadas eran positivas.
Así mesmo, destacar que todos os novos positivos que se foron detectando nesta área estaban relacionados co brote, o que permite seguir a trazabilidade dos casos e continuar na estratexia de busca activa de contactos e realización de todas as probas necesarias de forma precoz para cortar a transmisión e conter o brote.
En canto ao número de casos activos de coronavirus en Galicia a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informou que é de 227, deles 27 son da área da Coruña, 160 da de Lugo, 4 da de Ourense, 7 da de Pontevedra, 16 da área de Vigo, 12 da de Santiago, e 1 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 1 permanece en UCI, 6 están en unidades de hospitalización e 220 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.018 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 226.453.