O bus de Carral

O Xestal foi un creador, músico e humorista que faleceu hai agora trinta anos, que reflectiu con humor realidades e feitos de xeito que chegaban nidiamente a toda a sociedade do país. Un dos seus contos máis coñecidos relataba a peripecia dun rapaz que quixo librar por cego do servizo militar, convencendo ao capitán médico da súa carencia de vista. Indo logo o militar ao cine, escoitou as gargalladas dun cinéfilo que disfrutaba ruidosamente da proxección, sorprendéndose ao atopar o presunto cego, ao que lle preguntou como era posible que puidese ver a película de cine, ao que o rapaz respostou: “No cine…?!, Pero este non é o autobús que vai para Carral?!”.

O anuncio da autoridade competente do cine a dous euros para os maiores, daríalle a O Xestal para unha historia chusca, porque os maiores podemos disfrutar do cine bonificado, do autobús para calquera dos Carral que termos na xeografía, de libros gratis ou de audífonos en cores, que todo soporta este tempo ao que lle quedan poucos días, aínda que despois comece de novo a historia interminable de promesas para os que, sen pedir case nada, se nos fará o agasallo audiovisual.

Non habendo cines oficiais, a saber como se vai conseguir a rebaixa das entradas, aínda que seguro hai fórmulas para que a promesa se faga realidade. E os xubilados, sorprendidos, estimamos máis que se lembren de nós deste curioso xeito que coas novas que cada mes se repetían hai pouco lembrando o custo das pensións para a Seguridade Social. Vaiamos, logo, ao cine, pero se ven que alí rimos ou sorrimos será porque o pasamos ben, e non porque coidemos “que bos son, que nos levan de excursión”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com