A Xunta de Galicia acaba de incorporar ao Catálogo galego de árbores senlleiras un novo exemplar de castiñeiro situado ao pé do Camiño Francés, ao seu paso polo concello de Triacastela.
Durante unha visita ao lugar no que está localizada a árbore, na aldea de Ramil, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e a rexedora municipal, Olga Iglesias, anunciaron que hoxe mesmo se publica no DOG a resolución na que se fai pública a inclusión deste exemplar no rexistro, unha vez superados todos os trámites e en recoñecemento ás súas excepcionais características e historia.
Trátase da Castiñeira de Ramil, denominación tradicional coa que se coñece a esta árbore na zona en referencia ao seu porte e tamaño xa que, segundo explicou a alcaldesa, é común feminizar o nome dos exemplares máis grandes.
Belén do Campo, pola súa parte, salientou que se trata dun dos castiñeiros “máis fermosos de Galicia”, unha especie cunha forte presenza na Comunidade e que os estudos científicos confirman que se trata dunha variedade autóctona presente no territorio antes das últimas glaciacións. De feito, indicou que coa incorporación deste novo exemplar son xa 20 os castiñeiros que forman parte do Catálogo, a segunda especie máis representada no mesmo tan só por detrás dos carballos, que suman 27.
Con máis de oito séculos de vida, a Castiñeira de Ramil existía cando Aymeric Picaud, autor do Códice Calixtino, realizou o Camiño de Santiago, unha antigüidade que se ve reflectida nos seus 9 metros de perímetro, 22 de altura e nunha estrutura chea de ocos imposibles e grosas pólas, que parecen abrazar a árbore.
Esta impresionante morfoloxía, engadiu a directora xeral, semella unha “radiografía do paso do tempo”, á vez que lembrou que desde a súa privilexiada localización en Ramil, o castiñeiro dálle a benvida aos camiñantes que chegan a diario a Triacastela na súa peregrinación cara a Santiago de Compostela.
Por outra banda, Belén do Campo aproveitou a súa visita á Castiñeira de Ramil para facer un último chamamento á cidadanía para que contribúa co seu apoio a lograr que outro exemplar galego de gran beleza e con moita historia, o Carballo do Bosque do Banquete de Conxo, se leve este ano o título de Árbore Europea de 2022. Así, lembrou que hoxe é o último día para poder participar na votación polo que animou a todo o mundo a axudar co seu voto a que unha árbore galega se leve este prestixioso galardón.
Neste sentido, volveu invitar ao Concello de Santiago, como titular do carballo de Conxo, a solicitar a súa inclusión no Catálogo galego de árbores senlleiras, incidindo en que, sen dúbida, sería un “bo candidato” a formar parte deste inventario.