O lema turístico elixido para promocionar a provincia de Lugo este ano, percorrerá o territorio nacional da man do Cafés Candelas Breogán. O club celeste lucirá na súa nova equipación o LugoCambia durante toda a tempada na ACB.
Así o anunciaron hoxe o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o metereologo, Martín Barreiro; e os directivos, corpo técnico e a plantilla do CB Breogán, no Pazo Provincial dos Deportes.
Durante o transcurso deste acto emitiuse o vídeo da campaña posta en marcha polo Executivo Provincial para atraer novos visitantes ao territorio lucense, que protagoniza Martín Barreiro, e que dá a coñecer os diferentes recursos artísticos, patrimoniais, culturais e paisaxísticos da provincia de Lugo.
Esta iniciativa de promoción turística da provincia que puxo en marcha o Goberno da Deputación, tamén ten un tinte deportivo, pois contempla o contrato de patrocinio asinado polo club celeste e a Deputación como un piar estratéxico para a promoción da provincia, así como o impulso do tecido asociativo co que incentivar a integración social, igualdade, solidariedade, compañeirismo ou superación a través do baloncesto.
Campos Conde avanzou que “mediante esta campaña de promoción turística o club celeste promoverá a nosa imaxe por todo o Estado. Ademais, contribuirá a dar a coñecer o emblema que promove a Deputación, LugoCambia, coa que o Goberno Provincial está a visibilizar os recursos turísticos da provincia, a través de campañas de promoción e asistencia a eventos especializados na materia”.
O Presidente agradeceu “o gran compromiso do CB Breogán, porque para nós é esencial a promoción turística desta provincia”.