O CB Breogán promocionará a doazón de sangue e órganos no vindeiro encontro do club

A área de Deportes da Deputación, o CB Breogán e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) colaboran esta semana nunha iniciativa para promover a doazón, causa social á que se vinculará o vindeiro encontro do equipo celeste no Pazo Provincial, no marco do convenio de patrocinio que manteñen a institución provincial e mais o club celeste.

A  unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue estará os días 30 e 31 de xaneiro na Praza Maior de Lugo en horario de 15:30 horas a 21:00 horas. As persoas que acudan a doar sangue recibirán un par de entradas para o partido do próximo sábado, no que os lucenses se medirán ao Palencia.

Na presentación da iniciativa, a directora de ADOS, Marisa López, sinalou o “bo resultado que esta colaboración a tres bandas deu en pasadas campañas” e animou á cidadanía a sumarse a unha corrente solidaria que, en 2019, “deixou cifras históricas de transplantes e doazón de organos a nivel galego, con 136 presoas que doaron os seus órganos e posibiltaron 354 intervencións de tranplante”.

O deputado de Deportes subliñou a necesidade destas doazóns que “aínda que nos resultan máis distantes que as de sangue, que   parecen máis consolidadas, só requiren dun minuto para cubrir un formulario. Un xesto co que podes salvar varias vidas”, apuntou. O director xeral do Breogán, Tito Díaz, amosou a súa satisfacción “por contribuír cunha iniciativa que mellora a saúde de todos” e insistiu en “poñer o altofalante do club a disposición de causas sociais”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com