O CB Breogán enfrontarase, no partido do próximo sábado, ao Valladolid, actual líder da clasificación, unha nova cita deportiva que servirá como altofalante para a Asociación Somos, Unidos polo Cancro.
O Deputado de Deportes destacou “o labor da asociación, pois o cancro é unha enfermidade con moitas frontes, e unha delas, as veces esquecida, é o acompañamento dos enfermos e ás familias, tanto material como psicolóxico e anímico”.
O Presidente de Somos Unidos polo cancro, José Manuel Vázquez, lembrou que “a asociación naceu para dar apoio aos nenos con cancro, e o partido celébrase precisamente no Día do Cancro Infantil”.
Pola súa banda, Tito Díaz, explicou que “para o Breogán é unha satisfacción participar de actos solidarios xunto coa Deputación e que a súa repercusión na sociedades axude a Asociacións como Somos, ademais esta é unha ocasión especial pois o Breogán é Socio de Honra da Asociación, e o noso base Christian Díaz é o seu embaixador”.
A colaboración da Área de Deportes da Deputación enmárcase dentro do contrato de patrocinio que mantén o organismo provincial co Club de Baloncesto e nesta ocasión tamén se implicou a Peña Breogán, que repartirá aplaudidores amarelos e azuis a cambio de donacións nas entradas do Pazo.