O encontro desta tarde entre o Cd Lugo e o Real Oviedo comezou sendo moi disputado dende o primeiro minuto, cos dous conxuntos nun gran momento de forma e xogo. Os locais apostando á velocidade e contundencia de Linares e Toché como guías en punta de ataque, e os lucenses empeñando todos os seus esforzos en controlar a circulación por carrís interiores, onde máis dano facía a construción de xogo á estrutura defensiva azul. A alta presión exercida en campo rival obrigaba ao Real Oviedo a defender moi preto da súa propia área, limitando as opcións de achegamento ante un CD Lugo que mandaba nos tempos de partido.
Cunha mellor ofensiva na súa formulación, o equipo de Luís César mandaba na iniciativa de xogo, e provocaba moitos problemas a un rival superado na persecución do balón e os seus espazos. Tanto era así que, tras varias tentativas os albivermellos atopaban o seu premio nun disparo de Seoane que, tras tocar na zaga, coábase sen oposición na meta oviedista. Co resultado de 0-1 no marcador chegábase ao descanso.
A segunda parte arrincaba, como a súa predecesora, intensa e activa na procura de acción. O Real Oviedo, buscaba con afán o gol da igualada, que permitise a súa volta a un partido cuxo control non lograra nos corenta e cinco minutos anteriores. Toché buscaba a súa opción en dous claros remates que rozaban o gol, aínda que sen éxito final fronte ao marco de José Juan.
Os minutos transcorrían con ritmo frenético en ambas as metades, e cos equipos esforzándose ao máximo para conseguir o seu obxectivo. Os locais sumaban armas en ataque e cercaban por momentos a meta dun CD Lugo contundente na defensa dos seus intereses.
Preparados para o tramo final, os dous adversarios dispoñíanse a lidar nunha conclusión de infarto, pero de novo a sorte volvía ser esquiva ao CD Lugo nos últimos minutos. En pleno intercambio de golpes, con alternativas para os dous conxuntos, e o esférico voando de área a área, finalmente sería o Real Oviedo quen máis rédito sacaría, logrando un empate inesperado para todos. Co resultado de empate a un, o Lugo perdía dous puntos nos últimos minutos do partido.