O CD Lugo presentou esta mañá ao seu novo adestrador. O equipo albivermello estará dirixido dende hoxe por Francisco Rodríguez Vílchez, quen compareceu esta mañá, na sala de prensa do estadio Anxo Carro acompañado polo Presidente de equipo, Tino Saqués, e polo Director Deportivo da entidade, Victor Moreno. Na súa carta de presentación mostrou moita ilusión e traballo, ademáis de identificarse cun proxecto que encaixa “perfectamente” na súa concepción de xogo e equipo.
Saqués apuntou á importancia dun perfil que mestura ambición e rendemento demostrado, e aposta por seguir o proceso de mellora, que permitiu alcanzar un posto histórico na categoría da pasada campaña. A presentación serviu tamén para coñecer as liñas mestras do xogo do adestrador, que insiste na importancia de seguir crecendo sen límites e con solidez no futuro inmediato.
O presidente confesou que “Francisco pertence a unha nova fornada de adestradores, ademáis ten unha traxectoria no fútbol profesional de valor. Buscábamos un perfil novo, con novos métodos, un gran comunicador. É moi completo“. Ademais, Tino Saqués asegurou que atoparon todo o que buscaban en Rodríguez Vílchez, e non dubidou en gabar as condicións do adestrador que “van ser de gran axuda para o clube”.
Rodríguez Vílchez, pola súa parte, mostrouse emocionado e cunha inmensa satisfación de ser o novo adestrador do CD Lugo, resaltando que están “en condicións de crecer moito“. Por último, adiantou que a iniciativa e a liña do clube para a vindeira tempada vai gustar moito á xente, e traballarán duro para conseguilo.