O Presidente da Deputación, Dario Campos Conde inaugurou este xoves no CENTRAD a primeira gran mostra sobre o traxe aldeán de garda das terras de Lugo que acollerá a Capela de Santa María ata o 1 de xullo. No acto estivo acompañado pola Alcaldesa de Lugo, a Deputada de Cultura; así como por representantes de Traxandaina, coordinadores da mostra.
Ademais desta gran exposición, o Goberno da Deputación ten preparadas outras actividades complementarias como unha xornada sobre a vestimenta e folclore da provincia, un obradoiro de confección de saias e un calendario con visitas guiadas a cargo dos responsables desta exposición.
Campos Conde convidou “a todos os colectivos culturais da provincia a visitar esta colección única, xa que é a primeira vez que se realiza unha mostra destas características. Con esta exposición, contribuímos a dar coñecer a nosa cultura mediante as nosas vestimentas, afondamos nas nosas tradicións, e axudamos a difundir o traballo recompilado polos artesáns da provincia”.
O Presidente sinalou que “os 25 traxes da colección eran os que usaban as mulleres do rural para lucir os días de feira, os domingos para ir á misa ou “domingar”, e que, como norma xeral, son as mellores prendas que usarían ao longo da súa vida. A mostra está composta por prendas orixinais e por reproducións que se complementan con pezas de ourivería compostelá. As pezas, foron recollidas polo colectivo Traxandaina, en casas por toda a provincia, coa finalidade de salvagardar o noso patrimonio cultural”.