A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, presentou este mércores no Centro de Artesanía e Deseño a exposición Plastihistoria da Ciencia, que organiza a Fundación Educa e que estará exposta, por primeira vez en Galicia, nos meses de abril, maio e xuño no Centro de Artesanía e Deseño da Deputación.
García Porto subliñou que “dende o Goberno Provincial incluímos nas nosas programacións culturais aos máis cativos, por iso organizamos esta exposición de plastilina, totalmente gratuíta, durante 3 meses para que os nenos adquiran coñecementos novos nun entorno lúdico que estimule a súa aprendizaxe. Ademais, os visitantes a esta exposición poderán coñecer as coleccións e os obradoiros cos que contamos no Centro de Artesanía e Deseño.”
A exposición Plastihistoria da Ciencia conta con 20 escenas elaboradas integramente de plastilina, ademais de utilizar outros materiais como papel, madeira, cartón pluma, musgo e abaloiros. Na mostra se recollen todas as disciplinas da ciencia (física, química, matemática, medicina, xenética, bioloxía, astroloxía) representando en plastilina algúns momentos históricos dun descubrimento ou do seu inventor. A colección da Fundación Educa xa estivo en cidades como Madrid, Sevilla ou Valladolid acadando moito éxito de participación.
Ademais desta mostra, o Executivo Provincial ofrece aos colexios visitas guiadas para coñecer a Colección de Instrumentos Musicais, e os obradoiros do Moble, do Libro e Instrumentos Musicais do Centro de Artesanía e Deseño. O horario é de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta. Os centros educativos interesados en realizar a visita guiada á exposición de Plastihistoria da ciencia e aos obradoiros do Centro de Artesanía e Deseño deberán chamar ao 982210066.
Fundación Educa
Educa é unha fundación sen ánimo de lucro, que aposta polo traballo coa infancia e os mozos, a través da educación e a formación, sendo estes medios os motores de enriquecemento da sociedade e do progreso. Por ese motivo, varios dos seus eixos de actuación céntranse na promoción de estudos, a investigación e a participación en proxectos que traballen pedagoxicamente a educación formal e non formal. A Fundación Educa traballa en novos ámbitos, destacando o apartado dedicado á promoción artística e cultural cun fin formativo e educativo dos cidadáns, froito do cal xorden varias exposicións.