O Centro de Artesanía e Deseño (CentrAD) presentou hoxe tres novos cursos para a promoción de oficios tradicionais e artesanais, abertos a calquera persoa interesada. Trátase dos cursos de Iniciación á ebanistería, Iniciación á luthería e Iniciación á encadernación, que se desenvolverán en 2018 e 2019, e no que se tratarán en profundidade diversas técnicas vencelladas ás distintas disciplinas, co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento do sector artesanal galego.
En total, serán 16 prazas coas que se pretende formar a futuros artesáns profesionais, que poidan obter a carta de artesán e abrir unha nova porta a afeccionados, así como a futuros profesionais do sector.
O prazo para as inscricións comeza este xoves 25 e manterase aberto durante 15 días (ata o 8 de novembro). A adxudicación de prazas será por rigorosa orde de inscrición. As persoas interesadas poderán facer as súas solicitudes a través da páxina web da Deputación, www.deputacionlugo.gal, premendo na área de cultura, na que se habilitará un banner para facer a reserva de prazas. Para obter máis información, pódese chamar ao teléfono 982 21 00 66 ou en info.centrad@deputacionlugo.org.
Os primeiros cursos en dar comezo serán, dun lado, o de Iniciación á Ebanistería, de 500 horas de duración, para o que hai un total de 6 prazas dispoñibles. Comezará o 12 de novembro e rematará o 6 de xuño de 2019. As sesións serán de luns a xoves, en horario de mañá, de 9:00 horas a 14:00 horas.
Outro curso que comeza o 12 de novembro é o de Iniciación á Luthería, tamén de 500 horas, e desenvolverase ata o 30 de abril de 2019. As sesións serán de luns a venres, de 9:00 horas a 14:00 horas. Ofértanse 6 prazas, nas que os alumnos/as se mergullarán en novas experiencias que poñerán en valor o bo facer deste oficio, así como a súa diferenciación entre os instrumentos artesanais fronte aos feitos de maneira industrial.
En canto ao curso de Iniciación á Encadernación, para o que hai 4 prazas ofertadas, introducirase ao alumnado durante as súas 52 horas de duración, no coñecemento da historia do libro como elemento fundamental da transmisión da cultura escrita e abordarase a encadernación artesanal dun xeito sinxelo e práctico. O curso celebrarase de martes a xoves en horario de mañá, de 10:00 horas a 13:30 horas. As datas de realización serán do 11 de decembro ao 7 de febreiro.