O Circo de Pinocho é o novo espectáculo de Educateatro Producións. Unha montaxe creada unicamente para representarse en carpa que combina o teatro musical cunha escolma dos números máis clásicos do circo. Ubicarase no aparcadoiro da Avenida dos Deportes, e terá en total 8 funcións entre o 14 e o 23 de febreiro. O espectáculo, que se celebra integramente en galego, ten unha duración de 2 horas, cun intermedio de 15 minutos.
Despois de que a Fada Mimadriña convertese a Pinocho nun neno de verdade, o noso protagonista cumpre o seu soño e monta o Circo de Pinocho. Geppeto será o pallaso, a Fada a trapecista e Pepiño Grilo o mestre de cerimonias, pero… faltan o resto de artistas! Geppeto construirá os bonecos que realizarán números de corda frouxa, equilibristas, malabarista, acróbatas… e a Fada Mimadriña daralles vida co seu conxuro. Co que non contaba ninguén é que este mesmo feitizo fará que Pinocho se transforme de novo nun boneco de madeira.
Durante o fantástico espectáculo de circo, Pinocho e Pepiño Grilo terán que atopar á Fada para reverter o conxuro, pero non aparece por ningures. Raptouna a malvada Chinche Chinchón, que está reclutando artistas para o circo da competencia.
Poderán os protagonistas liberala para que Pinocho volva ser un neno de verdade?
Post Views: 0