O Circuíto de Teatro Afeccionado da Vicepresidencia da Deputación de Lugo programa para esta fin de semana dez representacións nos concellos de Burela, Láncara, Sober, O Valadouro, Muras, A Pastoriza, O Corgo, Pantón e Cervo.
O Circuíto de Teatro Afeccionado, en marcha desde finais de xuño, mantén en xira polas comarcas máis de trinta compañías teatrais. Ata o 30 de decembro están programadas un total de 128 representacións, 40 máis que na anterior edición.
As mentiras teñen os pés pequenos
Esta obra representarase o venres 17 de novembro ás 21.00 horas na Casa da Cultura de Burela e o sábado 18 ás 21.00 horas no Local Social de Cela, no Corgo, pola compañía Pico do Castro.
Despois de entrar por erro nunha habitación que non é a súa, Bieito atópase sen querer en posesión dun obxecto bastante comprometido: unha bota de muller. E non dunha muller calquera… A bota pertence nada menos que á dona do belicoso coronel León. Agora Bieito terá que agudizar o enxeño para pasarlle a outro incauto a responsabilidade do asunto, quedando así libre de sospeita e de varios balazos no corpo.
Cita previa: Historias disparatadas nas consultas médicas
Rebuldeira Teatro porá en escea esta obra no Espazo Polifuncional do Campo da Feira da Pobra de San Xiao, Láncara, o sábado 18 de novembro ás 12.00 horas.
Esta obra trata sobre situacións que poden suceder nun centro de saúde. De xeito anecdótico e cómico represéntase o devir cotiá ao que se enfrontan os pacientes, o persoal sanitario e os administrativos por mor dos recortes sanitarios, así como a vida social das salas de espera, dende discusións familiares, novas amizades e algún que outro desatino.
Arte
Tamén este sábado 18 de novembro, o Centro Sociocultural de Sober acollerá a posta en escea desta obra por Hipócrita Teatro ás 19.00 horas.
Teo fíxose cunha pintura para a súa colección particular. O problema é que onde el ve unha sublime obra de arte contemporáneo, Carlos ve un simple cadro branco e Iván réstalle importancia á polémica. Esta é unha obra construída con personaxes que se amosan pouco a pouco ata adquirir unha complexidade insospeitada e que, entre risas, moitas risas, son quen de transmitirnos unhas cantas cousas nada banais sobre nós mesmos.
Vaise pechar unha casa máis
Os Baluros serán os encargados de dar vida a esta obra na Casa da Cultura de O Valadouro o vindeiro sábado 18 ás 19.00 horas.
Pepe é un labrego que vive nunha aldea xunto coa súa nai, a viuva Maruxa. Con moitas dificultades sobreviven sen atopar o xeito de mellorar naquel medio rural de mediados dos setenta. Engaiolado polos relatos da vida que di levar un veciño emigrado, segue o camiño deste, a pesares da fonda tristura que senten, tanto el como a súa nai. Pero un agravamento da saúde de Maruxa, forza o seu regreso.
Aire fresco
A Casa da Cultura de Cervo será o espazo escollido para o estreo desta obra o sábado 18 de novembro ás 19.00 horas pola agrupación Ardora.
A crise da covid puxo de relevo problemas comúns, que todos temos na cotidianidade, pero que tenden a ser invisibilizados. As persoas maiores foron un dos colectivos máis afectados pola pandemia, dada a súa vulnerabilidade. Esta obra busca concienciar á sociedade sobre a necesidade urxente de prestar unha atención adecuada a quen cuidou e agora precisa ser coidado.
Pan con chocolate
O Colectivo Cultural Ollomao escenificará esta obra propia na Casa do Médico de Muras o sábado 18 ás 21.00 horas.
Tres “nenos” e tres “nenas” que se acaban de retirar, reúnense para celebrar a xubilación da máis nova dos seis, non podendo evitar recordar as cousas da vida de cando eran pequenos. Así, pouco a pouco, van saíndo temas que a todos nos resultan familiares. Lembranzas ás veces felices e ás veces moi tristes, pero que desde a perspectiva do tempo vanse suavizando. “Por moi mal que o teñas pasado cando eras nova, cando volves a vista atrás, recordas aqueles anos con tenrura, con agarimo, con nostalxia, eu que sei…” O caso é que cando nos xuntamos tres ou catro persoas da mesma xeración é inevitable que nos poñamos a rememorar cousas do pasado. E aos que andan por riba dos 60, sempre, sempre, sempre, se lles van vir á cabeza aquelas merendas de pan con chocolate.
A tortilla e a peste
A Casa da Cultura de Pantón acollerá o domingo 19 ás 18.00 horas esta representación de Nova Escena.
Catro mulleres e un home contan a súa experiencia durante o período do confinamento. A privación de contacto, o illamento e a distancia fan que as cousas cotiás, como facer unha simple tortilla, adquiran unha dimensión diferente, converténdose no ‘‘axis mundi’’ duns personaxes ligados á realidade a través do finísimo fío da tecnoloxía.
Os ladróns son xente honrada
O domingo 19 de novembro ás 19:00 horas, no Pavillón de Vilastrofe de Cervo, o colectivo A Adala Futura daralle vida a esta obra.
Uns ladróns moi dulceiros entran a roubar lambetadas na casa dunha diva moi diva. A policía, que lles segue a pista, acaba por atopalos nesta casa pero non é o único que atopan… O inspector e a diva namóranse, aparece unha frauta máxica cunha maldición que a diva decide romper… Pero se queres saber máis a obra terás que ver.