O circuíto municipal Jorge Prado vai acoller unha proba do Mundial de Motocrós de 2024, segundo informou este mércores nas súas redes sociais o propio piloto lucense.
O edil de Deportes, Jorge Bustos explicou que “dende o Concello queremos mostrar a nosa satisfacción pola nova, pois a celebración desta proba deportiva en Lugo vai proxectar a imaxe da nosa cidade como un excelente destino para a práctica desta disciplina, que se atopa en auxe; ao tempo que atraerá a centenares de afeccionados ao municipio que se achegarán a gozar dun evento único”.
A proba de Lugo, xunto coa que se vai disputar no circuíto Intu Xanadú-Arroyomolinos de Madrid, serán as únicas dúas paradas do MXGP en España.